AGADIC

Centro Dramático Galego


MÉRCORES DE VARANDA: Concerto de Anxo Lorenzo

CENTENARIO SALÓN TEATRO 1920—2020

Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021

O CDG celebra o centenario do Salón Teatro de Santiago co programa musical Mércores de varanda, que ofrecerá oito concertos de artistas e grupos galegos para conmemorar o centenario da inauguración deste edificio da rúa Nova compostelá, onde a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia ten a súa sede desde 1999. O gaiteiro Anxo Lorenzo será o encargado de abrir este día 9 este cartel, que se desenvolverá todos os mércores ata finais de outubro.

"Vórtex", o álbum cociñado entre Galicia, Irlanda e Escocia conta con colaboracións moi especiais de músicos vinculados ao mundo folk, seguindo a liña de experimentación acústica dos seus últimos traballos, Tirán e Confuxon. Novas composicións e arranxos sorprendentes onde Anxo unha vez máis volve a exprimir as posibilidades da gaita galega e os whistles co seu peculiar "freestyle" buscando novos sons, ritmos e fusións xunto ao fantástico violinista irlandés Eoghan Neff.

"Vórtex" é o cuarto álbum de estudio de Anxo Lorenzo e con el está percorrendo os mellores festivais dos circuitos folk europeo e americano.
No seu novo espectáculo, Anxo Lorenzo tamén inclúe algunhas sorpresas e colaboracións destacadas en Vórtex creando un contundente directo, con momentos musicais máxicos e únicos, acompañado pola súa gran banda.
O título do disco remite, en palabras do autor, a "unha transición dun mundo musical máis acústico a outro máis electrónico". "Penso que Vórtex reflicte moi ben o momento artístico que estou vivindo como gaiteiro, levando a gaita galega polo mundo e acchegando novas composicións, novas fusiós e novos arranxos de temas galegos, arroupado tamén por un dream team".

Na súa ampla traxectoria musical como gaiteiro, Anxo Lorenzo participou en gravacións e concertos colaborando con grandes artistas e bandas folk de primeiro nivel como Kathryn Tickell, Carlos Núñez, Lúnasa, The Chieftains, Gwendal, Fred Morrison, Daimh, Michael McGoldrick, Alisdair Fraser, Celtas Cortos.... Coa súa banda ou trío subíu aos escenarios dos festivais máis importantes do mundo celta europeos como Celtic Connections, WOMAD, Lorient, Ortigueira, Cambridge Folk Festival, Labadoux, Willian Kennedy International Piping Festival, Intercéltico do Morrazo, Pardiñas, Zas, Getxo Folk ou Piping Live, conseguindo sempre boas críticas tanto do público asistente como dos artistas folk e tradicionais que acoden a estes festivais logrando conexiones musicais moi interesantes, algunhas das cales estarán colaborando no seu novo álbum como Jarlath Henderson, Blackie O’Connell, Ross Ainslie, Andy May, Germán Díaz ou Ali Levack entre outros.
Ademais da súa vertente máis tradicional, artistas dos máis variados estilos musicais solicitaron a colaboración de Anxo coa gaita galega como Marta Sánchez na sintonía da Volta a España 2016, Mónica Molina, Ska-p, The National Jazz Orchestra ou Amistades Peligrosas logrando unha fusión natural da gaita galega con outros estilos musicais e abrindo novos horizontes dentro da vangarda musical.


Ficha artística:
ANXO LORENZO BANDA
Anxo Lorenzo (gaita e whistles)
Eoghan Neff (violín)
Xosé Liz (bouzouki)
Pablo Lafuente (guitarra)
Jorge Juncal (teclados)

anxo_lorenzo


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal