O Salón Teatro alberga de novo unha parte importante de Galicia Escena PRO (GEP), o mercado galego das artes escénicas que cada ano organiza en Santiago de Compostela a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo. A través dunha escolma de espectáculos de recente produción e dun programa de actividades paralelas, esta iniciativa tómalle o pulso á actualidade do sector en Galicia. Ao tempo, bríndalles aos seus profesionais unha plataforma dende a que expoñer os seus novos traballos diante do público xeral e dos programadores e demais axentes culturais.
Xunto coa súa faceta de exhibición, Galicia Escena PRO articúlase como punto de encontro profesional que busca estimular a dinámica comercial do sector, así como a proxección social da creación escénica.