AGADIC

Centro Dramático Galego


TEATRO MUXICAS: O inspector

Versión e dirección: Tito Asorey

Nunha localidade gobernada por políticos corruptos reciben a nova de que acaba de chegar un inspector do goberno para realizar unha auditoría sobre as contas públicas e elaborar un estudio acerca da limpeza das prácticas políticas dos seus dirixentes.

Ante esta situación, os gobernantes entran en pánico, procedendo á destrución de todas as probas que os poidan comprometer. Comezará así unha espiral de submisión cara ese inspector, ofrecéndolle todo tipo de agasallos e subornos, chegando a límites insospeitados de tolemia e indignidade.

O Inspector é unha comedia de ritmo frenético, onde dez actrices e actores, na súa maioría invidentes ou cunha discapacidade visual grave, dan vida nas táboas ao clásico texto de Nikolái Gógol, versionado e dirixido para esta ocasión por Tito Asorey.

O grupo de teatro Muxicas
O grupo de teatro Muxicas é un colectivo artístico formado na súa maioría por actrices e actores con cegueira ou cunha discapacidade visual grave. Impulsado pola delegación da ONCE en Ourense, leva case vinte anos facendo posible que persoas con estas características poidan achegarse con profesionalidade, rigor e compromiso artístico a un mundo, paradoxicamente tan visual, como é o da Arte Dramática.

Desde 2007 a dirección do grupo recae en Tito Asorey, recoñecido profesional do teatro ourensán, actor e director de escena, co que levan postos en escena nove espectáculos que puideron ser vistos en escenarios de todo o país, entre eles o célebre Teatro Arriaga de Donosti. O grupo foi galardoado no ano 2012 co Premio Max ao mellor labor en prol do teatro afeccionado.

O obxectivo desta agrupación artística é dobre: dunha banda, loitar pola inclusión deste colectivo no eido escénico, eliminando os prexuízos e os falsos mitos que existen respecto ao mundo da discapacidade visual, e doutra, construír colectivamente postas en escena dende o rigor artístico, traballando arreo para ofrecer espectáculos que poidan ser disfrutados por todo tipo de público, independentemente de que conte ou non cunha discapacidade visual.


Ficha artística:
Elenco: María del Carmen Fernández, Francisco Gómez, Eva Herbella, Iago López, Alejandro Losada, Severino Pérez, Luis Pequeño, Ricardo Rodríguez, Teresa Rodríguez, Aída Saíz
Escenografía: José Faro "Coti"
Deseño de vestiario: Sandra Varela
Realización de vestiario: Carlos Alonso
Iluminación: Tito Asorey
Espazo sonoro: Tito Asorey
Deseño gráfico: José Lameiras
Fotografía: Lucía Estévez
Axudante de dirección: Melania Cruz
Unha produción de Teatro Muxicas, subvencionada pola ONCE

o_inspector


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal