Autoría: Jose Luis Prieto
Direccción: Marcos Orsi
Logo da chegada do home á lúa á humanidade só lle faltaba un reto: a chegada do home a Galicia. En 2010 (ano 25 despois de Gayoso), dous intrépidos exploradores tiveron o valor de adentrarse nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea.
GO ON! recompila esta experiencia límite que deixa aos do Al filo de lo imposible como simples boyscouts.
GO ON! é unha emocionante novela de aventuras na que os seus protagonistas viven situación extremas como o terrible ataque do despiadado can de palleiro ou a entrevista a un porco no corredor da morte.
GO ON! é un completo folleto turístico que servirá para que outros ousados viaxeiros saiban como conseguir alimento nas festas gastronómicas ou como identificar á Santa Compaña.
GO ON! é un manual de supervivencia imprescindible para saber como viaxar nun tren galego a velocidade negativa cheo de galegos cantando cancións populares ou como ser porco e sobrevivir no San Martiño.
GO ON! é unha guía de primeiros auxilios con recomendación necesarias como que facer logo de ser salvaxemente agredido por un toxo ou que facer logo de limparse o cú con ortigas.
GO ON! é a conferencia que percorre o mundo desde Burgos a Arkansas desvelando os misterios máis íntimos de Galicia e os seus habitantes, como cal é a orixe da frase "non me toques os suevos", cada canto tempo cambian as sábanas os da Santa Compaña, ou cal é a resposta definitiva á pregunta máis trascendente de todas as preguntas: "Que din os rumorosos na costa verdecente?"
GO ON!. Unha odisea cómica no espazo galego.