Casa O’Rei propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir de O rei Lear de W. Shakespeare ambientado nunha típica Casa de comidas galega.
Manolo Rei, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne a familia. A comida sempre é unha escusa. Desta vez para repartir a Casa entre as súas tres fillas. Pero o cocido sáelle cargado de traizón e desprezo, intragable polo amargor dun mundo novo, acedo e descoñecido, que trae do estranxeiro unha morte preconxelada e adobiada con fel. O tempo, o destino e o Burger King son implacables coa sorte dos mortais que non saben seleccionar os ingredientes axeitados para elaborar as receitas da súa vida.
A compañía
Santiago Cortegoso e Marián Bañobre fundamos en 2010 Ibuprofeno Teatro para sacar adiante proxectos de xeito independente. Despois de cinco espectáculos de pequeno formato, en 2016 demos o salto asumindo producións de maior envergadura con Raclette, que foi finalista á mellor autoría e dirección nos Premios Max.
Con Casa O’Rei continuamos na procura dunha linguaxe persoal para falar dos temas clave que afectan ao ser humano contemporáneo. Perseguimos o rigor na dramaturxia e integramos a escrita dramática no proceso de creación e posta en escena. Os nosos personaxes buscan a súa identidade nun contexto global e complexo que non poden controlar. O absurdo e un humor acedo e sarcástico son os nosos lugares comúns.