Procedimientos ante el vacío, a máis recente montaxe de Compañía Ensalle, é un traballo interdisciplinar xestado a partir de CANCHAL. Parte III (Mónica), colaboración artística realizada en novembro de 2016 entre a bailarina e coreógrafa Mónica Valenciano e a compañía Ensalle.
Procedimientos ante el vacío persegue a idea do irrepetible, do que acontece cada día na medida en que cada espazo e cada atención mutan o suceso. Persegue, en poucas palabras, substituír o intencional polo atencional.
Trátase dun traballo en vivo, específico para cada lugar no que vai a ser amosado, cunha estrutura en sete partes que se argumentan en función da escoita e a atención, e no que, a diferenza doutros traballos da compañía, o texto é lembranza traída ao presente, sen escritura teatral.
"Escoitade a música interna. Conectádevos sempre con esa música interna. A partir de aí, todo pode ser".
A compañía
Compañía de creación contemporánea e investigación. Nace en Madrid en 1995 e en 2003 trasládase a Vigo, dende onde segue creando na actualidade. Con vinte e tres montaxes na súa traxectoria, realizou máis de seiscentas representacións en salas, teatros, festivais e circuítos de España, Portugal, Chile, México, Arxentina ou Uruguai.
Dende 2005 traballan pezas de investigación con dramaturxias contemporáneas propias de Pedro Fresneda.
Dirixen a Sala Teatro Ensalle, espazo de exhibición, investigación e creación escénica contemporáneas. A súa apertura "en 2003" supuxo a aparición da primeira sala independente en Vigo.
A compañía foi seleccionada en varias ocasións pola Rede Estatal de Teatros Alternativos e convidada a festivais como o Festival de Octubre (México), I Edición de Rutas Escénicas (México), Festival Int. de Teatro de Ourense FITO, Festival País en el País (Arxentina), Siguiente Escena de Querétaro (México), Festival de Teatro Nuevo León (México) ou Colima de Danza (México), entre outros.