O corpo como contedor: Plastic.
Como se dunha Barbie se tratase, que co seu corpo de plástico perdura ao longo do tempo, baleira por dentro, hermética ao exterior. Reflexo da importancia que a sociedade actual moderna lle dá ao de fóra e non ao de dentro.
O plástico tamén pode ser un espazo para gardar, conservar, un espazo onde o contido ten cabida. Así, o corpo recolle no seu interior as experiencias e as emocións que nos definen. Ocultámonos nun corpo transformando a demanda do momento social que nos toca vivir. Un corpo onde se almacenan, gardan e esquecen os momentos vitais; un contedor que modela e transforma o seu físico para non transparentar o contido-emocións que o enche. "Partindo do corpo, coma se dunha Barbie se tratase, ese plástico como contedor que perdura ao longo do tempo, inmobilidade corporal dende o baleirado".
A compañía
Paula Quintas é bailarina, funámbula circense, coreógrafa visual e pedagoga. É codirectora do Festival Corpo(a)terra de Ourense e traballa coa pedagoxía e docencia en Danza Alfaia e Danza Nenos de Santiago de Compostela.
Fundadora do Projecto C-F Dance, cofundadora de Voltage Opposites Project, pertence á compañía trasPediante.
Como compañía, estreou a peza curta de danza-circo para rúa e espazos non convencionais no Festival Sólodos En Danza Costa Rica en 2017: Analepsis. Plastic é o seu primeiro traballo escénico como compañía.
Con anterioridade, creou e continúa a xirar co espectáculo de circo-danza Up2Down xunto coa súa compañeira Marta Alonso.
Plastic foi estreada o 28 de abril de 2018 no Auditorio Municipal de Ourense.