Texto:Fernando Epelde
Dirección: Marta Pazos
É certo que algunhas cancións soan mellor no coche?
Esta investigación poética ocúpase de todo o que pode chegar a suceder dentro dos automóbiles, extensións dos nosos corpos e testemuñas mudas das nosas existencias. Ao igual ca nós, suxeitos a revisións cada vez máis frecuentes, e tristemente presentes o día de autos —mira ti por onde— cando nos conducen ao noso destino final.
A compañía VOADORA segue explorando a utilidade do teatro, o seu vínculo co presente máis cotiá e o seu efecto transformador nas comunidades. Con este espectáculo, protagonizado por traballadoras da industria automobilística, presenciamos un choque frontal entre unha compañía de teatro e unha comunidade, desdibuxando os límites dese concepto sumamente abstracto que chamamos economía e a súa tradución aos pequenos espazos cheos de graxa e pezas de desgüace, onde se fragua a vida das persoas e a súa problemática na Europa contemporánea.
Este espectáculo estreouse en Francia no Théâtre de Montbéliard coa participación de persoas vinculadas á fábrica PSA Peugeot Citroën Sochaux, a máis antiga de Europa. Agora preséntase por primeira vez en España protagonizado por traballadoras vinculadas a PSA-Citroën de Vigo.
Voadora presenta un proceso de creación con artistas consolidados e actrices que non o son. Un novo proceso de creación que flirtea coa performance, dotado de intelixencia escénica e unha moi fina sensibilidade.