AGADIC

Centro Dramático Galego


FEIRA DO LESTE: Tras Tannhäuser

Dirección: César No
Dramaturxia: Ernesto Is

TANNHÄUSER foi un poeta alemán. TANNHÄUSER é unha ópera de Wagner. TANNHÄUSER será sempre a porta espacial que Rutger Hauer describía na fermosa escena final de Blade Runner.

Agora TANNHÄUSER convértese nun salón barroco onde tres mulleres comparten mesa e mantel. Unha cea de amigas aparentemente común que deriva nunha tempestade de tolería que pon patas arriba os seus apracibles mundos.

Coma Alicia, coma Dorothy, coma Penélope, as tres mulleres inician unha viaxe que as levará máis alá do arco da vella, baixo os cavorcos, polos angostos mares da súa intimidade ata chegar ao limiar da derradeira porta, aquela que suporá un paso máis alá nas súas vidas: a porta de TANNHÄUSER.

Este espectáculo foi seleccionado no Programa de Creación Joven Injuve 2016.

A compañía
Feira do Leste xorde a finais do ano 2015 coma unha xuntanza de novos profesionais da interpretación, da dramaturxia e da dirección escénica que buscan explorar campos de expresión artística e temática no teatro físico, a performance ou a danza.

Integrada por persoas con ampla formación e experiencia escénica e audiovisual, Feira do Leste adapta esas linguaxes multidisciplinares dentro das novas manifestacións teatrais de carácter posdramático. A compañía asume o novo paradigma teatral de ruptura aristotélica e de traballo en colectividade, fragmentario, no que os xéneros e as técnicas expresivas hibrídanse e onde as temáticas están moi próximas á actualidade e á memoria común do pasado recente.


Ficha artística:
Espazo escénico e iluminación: Jose Faro "Coti"
Produción e distribución: Javier Lojo
Intérpretes: Sonsoles Cordón, Nerea Brey e Carlota Mosquera
Asistencia coreográfica: Fran Martínez
Deseño gráfico: Javier Lojo

tannhauser


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal