Dirección: Diana Mera
Texto: Teté García, Diana Mera e Merche Pérez. A partir de materiais de creación colectiva
30 e Tantos Ósos é unha viaxe de catro mulleres de 30 e tantos anos que, cansas de vivir agochadas baixo carcasas prefabricadas, adoptando condutas alleas, deciden transcender a pel e a carne a través da figura mítica da Loba, para chegar os seus ósos, á materia máis elemental, onde se inscribe a súa historia persoal e colectiva e se atopa, desterrado, o seu potencial máis vital e salvaxe.
A peza está estruturada en cinco cadros que pretenden facer un percorrido metafórico por toda unha vida para poder atopar as chaves que nos permitan desfacernos de todos os medos, condicionantes e ataduras sociais que nos impiden expresarnos con liberdade, recuperar o noso potencial máis vital e salvaxe, desterrar a obediencia e a submisión facendo fincapé naquelas ataduras que arrastramos polo feito de ter nacido mulleres nunha sociedade patriarcal ata a medula.
Aporía é unha compañía emerxente que busca explorar o universo da muller e encontrar a súa propia linguaxe artística por medio da hibridación de tipoloxías escénicas que favorezan a potencia plástica dos corpos e os obxectos, empregando o xogo e o humor, sen esquecer a palabra e a poesía.