Dirección: Marcos Barbosa
Texto: William Shakespeare
Peza teatral escrita por William Shakespeare no inicio do século XVII e publicada por primeira vez no célebre Folio de 1623, a primeira compilación das obras dramáticas do poeta nacido en Stratford-upon-Avon. Foi clasificada entre os romances tardíos (ou traxicomedias) xunto a Pericles, Príncipe de Tiro, A tempestade e Cimbelín. O conto de inverno divide a acción entre Sicilia e Bohemia, sen esquecer os encontros e reencontros fantásticos, maxia e sorpresa, nunha gama de situacións que vai da traxedia á comedia pastoral. A peza contén unha inspirada teatralización dunha obra en prosa, un vello conto, Pandosto, contado e publicado a finais do século XVI por Robert Greene, contemporáneo e rival de Shakespeare. Este texto, bastante popular na época, leva como subtítulo O triunfo do tempo, suxerindo xa un dos principais temas d'O conto do inverno, isto é, o do tempo como pai da verdade.
O noso conto por Marcos Barbosa
O conto de inverno exhibe algúns dos versos máis complexos de toda a obra de Shakespeare, incluíndo as grandes traxedias. Pertence á derradeira serie dos romances, pezas inspiradas no folclore intemporal dos contos moralizantes, que retroceden á Antigüidade, o que lles confire certo carácter de fábula e, simultaneamente, a autoridade do tempo. A peza non adoita apreciarse nin pola súa carga política nin polo seu cruel realismo, senón polo seu carácter de conto admonitorio, algo fantástico, sobre os males dos celos e sobre a enerxía renovadora que a Natureza lles concede a todas as reconciliacións.
A carga política adquire unha meirande intensidade se, coma Arthur Schnitzler, cremos que "as épocas nas que a verdade pode tornarse perigosa, non só para aqueles que a din senón tamén para aqueles que a escoitan, son profundamente doentes". A esta luz, a fábula deixa de ser un desatino sentimental que entreteña a corte, como foi encomendada, e pasa a ser un ensaio arriscado sobre a tiranía na súa propia casa. Así a viu o ensaísta Jonathan Bate, que atopou nela un interrogante que só pode sernos próximo: "Ata onde poderá chegar un conselleiro —ou un dramaturgo, cuxas obras son montadas na corte—, dicindo as verdades que os seus superiores non queren ouvir?".