Despois dunha tempada apartado dos escenarios como intérprete, Jacobo Paz, músico coruñés, volve poñerse á fronte da súa banda Dos Mundos para presentar o seu último traballo e deleitar aos asistentes con temas xa coñecidos como Chico de marca ou En las calles.
Centrado dende hai anos no seu labor como produtor musical á fronte do selo coruñés Paz & Records, do cal é propietario, Jacobo Paz posúe unha longa bagaxe ás súas costas como artista e produtor musical.
Traxectoria
No ano 2000, tras os seus tempos como "cantarrista", lanza a súa ópera prima, Buscando pistas, da cal esgota a tirada de 3.000 exemplares, xunto con todos os seus singles promocionais.
En 2007, e da man de Anxo Venancio (artista consagrado como músico de Manolo Tena) e o selo discográfico Runa Records, Jacobo presenta o seu segundo traballo, Chico de marca, enchendo os escenarios de novos temas pegadizos, dentro do estilo ao que nos acostumara co seu traballo anterior.
A música do coruñés encheu escenarios como o "Mesoirock & Folk", xunto con Miguel Costas e Tonhito de Poi, entre outros.
Entre os logros de Jacobo Paz & Dos Mundos como formación, cabe destacar o premio como gañadores do II Concurso de Rock Deputación da Coruña.
En 2012, "Jacobo Paz & Dos Mundos" saca ao mercado o seu disco 23, a través do propio selo discográfico de Jacobo, Paz & Records.
Trátase dun disco cargado de cancións roqueiras e frescas que recuperan a esencia máis clásica do rock en castelán, con temas cheos de sentimentos e letras revestidas de poesía para expresar palabras que reflictan as súas propias experiencias na vida, principal fonte de inspiración deste creador herculino.
Actualmente, Jacobo Paz & Dos Mundos encóntranse en pleno proceso de gravación do que será o seu segundo disco como formación, e do que nos poderá adiantar algúns temas neste concerto.