Neste 2015 Roberto Sobrado cumpre 20 anos facendo as cancións que foron dando forma xa a catro discos de estudo co seu grupo. Atlas de anatomía é o nome seu último traballo que presentarán no Salón Teatro de Santiago. E para tal ocasión, o cantante quere facer unha presentación especial, cunha banda reforzada, colaboracións estelares e gravación en directo do evento para a súa publicación online a posteriori.
Aproveitando a presenza de moitos músicos da última formación de Os Resentidos, renderá tamén unha pequena homenaxe á banda viguesa dos 80 e para iso contará coa colaboración de Javier Soto (guitarra eléctrica), Anxo Graña (gaita) e Piti Sanz (mandolina).
Outros invitados asegurados para a presentación do disco serán Abe Rábade, Carlos Blanco, Xosé Constenla, O Leo e Arremecághona.