Asociación de Altas Capacidades de Galicia e Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC
Esta xornada artística promovida pola Asociación de Altas Capacidades (Asac) de Galicia e a Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten como obxectivo compartir cos espectadores os traballos realizados nos diferentes programas de enriquecemento especialmente deseñados para alumnos e alumnas cun potencial elevado: o musical ‘Romeo e Xulieta’ e a curtametraxe ‘Mobile Lovers by Bansky’.
O obxectivo desta sesión de estreas é amosar e difundir dous exemplos do traballo que se está a levar a cabo con alumnos de altas capacidades en Galicia, así como incidir na importancia de prestarlles unha atención específica e especializada.
Romeo e Xulieta
Os nenos e nenas participantes no Proxecto QVO 2.0, desenvolvido durante este curso na Domus da Coruña, presentan a súa versión musical da traxedia de Romeo e Xulieta, de William Shakespeare. A través desta iniciativa, deseñada pola Unidade de Atención Educactiva de Altas Capacidades para o programa municipal EducaCoruña, os alumnos tiveron a oportunidade de afondar desde unha perspectiva multidisciplinar en cada un dos aspectos necesarios para levar a escena esta montaxe.
Mobile Lovers, by Bansky
Dirección e realización: Edu Lavandeira
Dirección e pedagoxía: Estíbaliz Veiga
‘Mobile Lovers by Bansky’ é o resultado do traballo realizado por dous grupos de adolescentes (Libra e Cáncer) durante o obradoiro ‘O mundo da interpretación’, unha das actividades do Programa de Enriquecemento para Nenos e Nenas de Altas Capacidades da Asac, dirixido e coordinado así mesmo pola Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC. Neste caso, contouse coas achegas na dirección, realización e pedagoxía do guionista e director audiovisual Edu Lavandeira e da actriz Estíbaliz Veiga.