Nado en Compostela en 1980, Xosé Constenla asume con naturalidade a definición de cantautor xa que, de feito, a súa música está directamente vinculada co sentido de compromiso social. Xa desde pequeno gustaba de escribir narrativa e poesía, gañando preto dunha ducia de premios literarios, ao tempo que comezaba a entrar en contacto cos grandes cantautores ibéricos e latinoamericanos.
Con 16 anos compón os seus primeiros temas musicais e ao ano seguinte lánzase a actuar en locais de Santiago. Na actualidade, é un habitual das escena musical compostelá e galega, ademais de visitar coa súa guitarra diferentes espazos e salas de Cataluña, Castela e León, Asturias e Madrid.
Nesta actuación en directo presentará Sinecismo, gravado en directo o pasado mes de xuño no Salón Teatro, e o terceiro da súa traxectoria, tras Quen fixo berrar o silencio (autoeditado, 2005) e Olladas dun entusiasta (Setestrelo Editora, 2008).
Ademais, en 2011 Xosé Constenla inicia un intenso período creativo durante o que compón máis de 30 cancións, sen abandonar nunca o contacto co público a través dos directos. Ao tempo, o cantaoutor traballa na recuperación e revisión de temas compostos entre 1998 e 2003 cara á súa gravación nun formato acústico.
Punto de venda anticipada das entradas para o concerto-presentación de ‘Sinecismo’: A Tenda Reixa