Funcións promovidas pola Agadic en colaboración co Concello de Santiago
A partir de O Velho da horta e outros textos de Gil Vicente
O Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa pon en escena esta peza construída a partir de O Velho da horta, e outros textos de Gil Vicente, primeiro autor en lingua portuguesa que marcou a transición da época Medieval ao Renacemento. Nesta farsa, onde se exalta a vitoria da xuventude contra a vellez e a morte, o espectador é colocado diante dunha intriga enxeñosamente construída.
O Velho da horta é unha peza de enredo, na que se desenvolve unha acción continua e encadeada cun personaxe marcado polo conflito entre a razón e o sentimento amoroso: "Que morrer é rematar" e "amor non ten saída". A partir do sono-pesadelo do Velho, evócanse neste espectáculo algunhas das máis importantes obras de Gil Vicente: Todo o mundo e ninguém, Barca do Inferno, Auto da Cananeia, Auto da Alma, Auto da Festa, Auto Pastoril Português, Tragicomédia do Inverno e Verão e Auto da Índia.
A intemporalidade da obra de Gil Vicente é recuperada neste espectáculo popular, sagrado e profano que atravesa o tempo ata hoxe cunha cativante perspectiva sobre a sociedade contemporánea.