De Federico García Loca
Dramaturxia e dirección: Lucas Herrador
Federico García Lorca é un autor referencia do teatro universal. Unha das razóns para telo en tan alta estima é o texto que ides ter a oportunidade de ver. O autor quixo escribir unha traxedia con todas as consecuencias, sen concesións. Ambientou e rodeouna de circunstancias e personaxes que el coñecía moi ben. O resultado, lonxe de reducilo no localismo, lanzouno a tocar os sentimentos de todos os seres humanos sexan de cultura, relixión ou estado en que se encontren. Tres personaxes: A Nai, A Moza e Leonardo, teñen unha forza e un carácter que se se unisen, lograrían facer da súa pequena sociedade un referente. Non obstante cada un tira polo seu lado concentrados nas súas loitas e intereses. Consecuencia; a destrución, persoal e de todo aquilo que os rodea. Eles sábeno, coñecen o que vai pasar e van facendo o seu destino empurrados pola forza do costume, das razóns, dos impulsos ou da paixón. Isto e non outra cousa, é a traxedia. Esta historia, escrita uns anos antes de que a guerra civil devastase España, é un berro para o entendemento e a concordia, para que uns e outros buscasen os puntos comúns, xa todos sabían que era o que os separaba. Conciencia social que Lorca observaba no seu diario vivir. Esa necesidade de entenderse é o que pide a sociedade de agora mesmo. É lóxico preguntarse se todo isto non será un asunto moi serio. Pero para o colectivo de persoas con discapacidade é moi importante; integrar os seres humanos na roda social non é algo que se poida tomar a broma, demostrar en todo momento que somos capaces e queremos non é un chiste, facerse adulto é unha consecuencia de vivir e por iso agarramos as responsabilidades que se nos formulen. Xa teremos tempo de mostrar algo que provoque a vosa hilaridade. Grazas a todos os que facedes posible este proxecto. (LUCAS HERRADOR)