Autoría: William Shakespeare
Dramaturxia e dirección: Dani Salgado
A tempestade, derradeiro texto completo escrito por W. Shakespeare, é unha desconcertante mestura de relato fantástico, drama musical, comedia romántica e farsa bufonesca. Preséntanos a vinganza de Próspero, duque italiano perdido nunha illa remota, contra as persoas que coausaron a súa desgraza. Para executar os seus plans, afunde o navío dos seus inimigos, dispérsaos pola illa e manipúlaos ao seu antollo. Amparándose en recursos da maxia teatral, Próspero buscará un consolo ao seu sufrimento. "Velaí a última gran pregunta do dramaturgo inglés: que grao de plenitude podemos acadar grazas á arte escénica?".
Con esta montaxe -de carácter pedagóxico non comercial- debuta a compañía teatral de alumnos da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática) que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), e de Guimarães 2012-Capital Europea da Cultura.