A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) pon en marcha a segunda parte do ciclo de concertos "ST Música Presente", dirixido á promoción de traballos discográficos galegos de todos os estilos diante dun público especializado.
A prioridade deste programa é ofrecerlles ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos serán programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia.
O grupo galego de pop Niño y Pistola inaugura o novo cartel cun concerto en que presentará o seu terceiro traballo discográfico, Niño y Pistola as Arthur & The Writers (Ernie Records, 2010), un tributo aos alter ego, aos nomes falsos dos artistas e ás grandes historias.
Tomando como referencia o mesmo que fixeron os Beatles con Sgt. Pepper, Bowie en Ziggy Stardust ou os Kinks en Village Green Preservation Society, crearon o grupo ficticio Arthur & The Writers e inventaron arredor del unha pequena historia.