Autor: Bernard-Marie Koltès
Directora: Cristina Domínguez Dapena
FICHA ARTÍSTICA
Elenco: Luísa Merelas, Celso Parada, Toni Salgado, Rocío González, Alberto Rolán, Ursia Gago, Josefa Barreiro, Pilar Pereira, Manuel Areoso, Robert Matthews, Mohamed Azibou, César Goldi, Alfredo Rodríguez e Vicente Montoto.
Espazo escénico: Xoán Anleo
Espazo sonoro: Ugia Pedreira
Deseño de iluminación: Octavio Mas
Deseño de vestiario e estilismo: La Canalla (Francisco J. Soto e Patricia Soto)
Deseño gráfico: Signum
Fotografía: Tono Arias
Realización perruquería: Anil Perruqueiros
Realización vestiario: Concha Abad, Clotilde Vaello
Caderno pedagóxico: Alfredo Rodríguez Fernández
Tradución: Fernando Moreiras
Asesoría en movemento escénico: Olga Cameselle
Axudante de dirección:Anabel Gago
SINOPSE
Ano 1960, nunha vila de provincias do leste de Francia. A guerra con Alxeria non dá rematado. Mathilde Serpenoise, acompañada dos seus fillos, Fátima e Edouard, volve á casa que herdou do seu pai, tras quince anos de exilio nese país africano.
Decidida a vingarse da súa familia e da sociedade burguesa que lle dera as costas por unha suposta falta cometida na súa mocidade, regresa á casa que agora ocupa o seu irmán, Adrien, coa súa familia. O conflito entre ambos non decae en ningún momento: Mathilde esixe o recoñecemento da súa herdanza, mentres o irmán pon en dúbida a súa propiedade, ao tempo que rexeita convivir cunha estrafalaria que fai perigar os cimentos familiares e sociais.
Os seus problemas de comunicación maniféstanse tamén nos curmáns que, preto xa da trintena, non se adaptan á nova situación. A relación entre Fátima e Edouard -que botan de menos Alxeria-, e Mathieu, o fillo de Adrien, é complicada e tensa a pesar dos lazos de sangue e da proximidade das súas idades.
Mathilde chega dunha guerra entre colonizados e colonizadores e, con ela, a guerra instálase tamén no ámbito familiar: o matriarcado contra o patriarcado, o Sur contra o Norte, os nómades contra os sedentarios, os desposuídos contra os propietarios, os pobres contra os ricos. A casa vólvese inhabitable, os enfrontamentos son continuos e o resto dos seus ocupantes, a ama e un criado árabe, tentan inutilmente facer entrar en razón aos dous irmáns, enfrascados nunha disputa que está a arruinar as súas vidas e a súa saúde.
Cal é a saída? Alguén terá que ceder e abandonar a casa, a cidade... Quen o fará? Cara a onde? Ao deserto, de novo?