Actualidad




Actualidad

NA XORNADA DE CLAUSURA EXHIBIRANSE TAMÉN AS NOVAS PROPOSTAS DE CARAMUXO, JANET NOVÁS, HISTRIÓN TEATRO, LA MACANA E PRODUCIÓNS TEATRAIS EXCÉNTRICAS

A Feira das Artes Escénicas pecha a súa décimo oitava edición cunha exhibición de novo circo galego

[20/10/2010] A XVIII Feira Galega das Artes Escénicas pecha mañá a súa décimo oitava edición coas últimas cinco funcións do seu programa oficial, que desenvolve dende o pasado luns en seis espazos de Santiago. As compañías galegas Caramuxo Teatro, La Macana e Producións Teatráis Excéntricas, así como a andaluza Histrión Teatro, amosarán as súas novas propostas nesta xornada de clausura, que concluirá cunha exhibición de novo circo galego.

O Salón Teatro acollerá a partir das 23.15 horas Circo á feira, racións de novo circo galego, un formato especial que reúne nun mesmo espectáculo unha mostra do traballo que neste ámbito escénico están a realizar Lusco e Fusco, Arrepentimentos de Padrón, Roces e Goces (na imaxe), Duelirium e Almacabra Teatro-Circo.

Pero as representacións darán comezo xa pola mañá, cando Caramuxo Teatro poña en escena a súa montaxe Mensaxe sen botella (12.00 horas no Teatro ARTeria Noroeste), dirixida prioritariamente a un público infantil de entre 7 e 12 anos de idade. Juan Rodríguez e Laura Sarasola son os autores e intérpretes desta obra, codirixida xunto á madrileña Olga Margallo, que xira arredor do gran misterio ao que teñen que enfrontarse o señor Dumont e o seu paxaro Gastón, encargados de que todas as botellas con mensaxe cheguen ao seu destino.

Histrión Teatro, unha das tres compañías andaluzas convidadas este ano á Feira das Artes Escénicas, representará ás 16.00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia Del maravilloso mundo de los animales: Los corderos, obra escrita e dirixida polo recoñecido director arxentino Daniel Veronese que chega a Santiago precedida dun gran éxito de crítica e público.

Último showcase de danza
Tamén a danza conta con representación na carteleira desta última xornada que, dentro do programa paralelo, ofrece un showcase coreográfico ás 12.50 horas no adro de ARTeria Noroeste: Cara pintada, el salto de la rana y otras pequenas historias, da bailarina e coreógrafa galega Janet Novás. Ademais, a compañía de danza La Macana preséntase este ano no programa oficial de exhibición con Shure PG48, produción da que xa amosara un pequeno xermolo na sección de showcases da anterior edición da Feira. A súa función terá lugar ás 18.30 horas na Sala Capitol.

A continuación (20.15 horas), o Teatro Principal acollerá Un cranio furado, o novo espectáculo de Producións Teatráis Excéntricas. Dorotea Bárcena, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Santi Romay interpretan esta montaxe, dirixida por Quico Cadaval a partir da obra A Skull in Connemara, do anglo-irlandés Martin McDonagh. Un cranio furado chega á Feira trala súa recente estrea, a fin de semana pasada en Carballo.

A décimo oitava edición do encontro que organiza a Consellería de Cultura e Turismo a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) rematará xa entrada a madrugada do día 22 co Circo á feira, despois de ter ofrecido máis de 20 representacións de teatro, danza e novo circo diante dos 150 axentes culturais acreditados e do público xeral. Xunto cos espectáculos xa mencionados, aquí puideron verse tamén as novidades das compañías Ónfalo Teatro, Teatro del Velador, Teatro do Morcego, Teatro de Ningures, Galitoon, La Rous, Dloira, Santiago Cortegoso, lagarta lagarta, SÓLODOSneodans, Chazafelhos, Trompicallo, Entremans, Abada-Carlos Blanco, Teatro do Atlántico, Elefante Elegante, e Talía Teatro.

Distribución exterior
No Auditorio de Galicia tamén permanecerá aberta ata mañá a zona de mercado e contratación da Feira Galega das Artes Escénicas, onde poden visitarse 16 expositores de asociacións e empresas do sector. Na oficina de coordinación situada neste recinto, os programadores de fóra de Galicia inscritos poden solicitar a súa inclusión no programa de bonificacións á distribución exterior, segundo o que se lles aplica un desconto do 40% sobre o caché dos espectáculos galegos que contraten para a súa exhibición nos circuítos, festivais, teatros ou auditorios aos que representan.


Galego



AGADICConsellería de Cultura de Deporte