Actualidad




Actualidad

INCORPÓRASE UNHA DELEGACIÓN PROCEDENTE DE PORTUGAL ASOCIADA AO PROGRAMA EUROPEO CREATIVA

Sete compañías galegas protagonizan mañá a xornada máis intensa da Feira Galega das Artes Escénicas

[19/10/2010] A Feira Galega das Artes Escénicas 2010 chega mañá á súa terceira xornada de funcións cun intenso programa no que teñen cabidas as últimas propostas das compañías galegas Ghazafelhos, Trompicallo, Entremans, Abada Teatro-Carlos Blanco, Teatro do Atlántico, Elefante Elegante e Talía Teatro (na imaxe). Continúa tamén a actividade comercial deste décimo oitava edición do encontro profesional que, organizado pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), se celebra ata o xoves 21 en seis espazos de Santiago de Compostela.

Esta penúltima xornada arrincará con dúas propostas para público infantil, ás que asistirán tanto os profesionais acreditados como os alumnos de diferentes colexios da cidade, convidados pola organización da Feira. En primeiro lugar, os Ghazafelhos porán en escena Frankestein (10.30 h, na sala Mozart do Auditorio de Galicia), espectáculo que bota man de grandes efectos de tremoia para introducir os espectadores nas entrañas dun castelo onde os protagonistas tentarán resolver o misterio arredor da existencia do monstro.

Marionetas
A continuación, Trompicallo presentará no Teatro ARTeria Noroeste a súa última produción, O día que chegou unha nube e choveu, na que Marián González interactúa coas marionetas ás que ela mesma dá vida. A coidada montaxe desta recoñecida compañía de teatro de monicreques, achega aos máis pequenos unha delicada historia sobre a importancia da auga para o medio natural. A función dará comezo ás 12.00 horas.

No adro deste mesmo espazo celebrarase o segundo dos showcases de danza, incluídos como programación paralela co obxectivo de trasladar aos programadores unha pequena mostra das últimas novidades na escena coreográfica galega. Mañá, ás 12.50 horas, será a quenda de Entremáns con Sí quiero.

Xa na sesión vespertina, o monologuista Carlos Blanco proporá aos espectadores unha viaxa ata Brasil a través da súa última creación, Ordem e progresso, que coproduce xunto a Abada Teatro. Con el sobre o escenario, os músicos do Segio Tannus Trío contribuirán a esta ollada cara ao novo mundo. A función terá lugar ás 16.30 horas na Aula de Cultura de Caixa Galicia.

A Sala Capitol acollerá ás 18.30 horas Memoria de Helena e María, de Teatro do Atlántico a partir da obra de Roberto Salgueiro. Xúlio Lago dirixe a María Barcala e a Lucía Regueiro nas súas interpretacións da viúva dun soldado republicano e a súa filla en plena Guerra Civil.

O teatro visual de Elefante Elegante preséntase por vez primeira na Feira Galega das Artes Escénicas con In, un espectáculo onde o teatro se funde coa danza, e o vídeo coas artes plásticas para abordar a ambivalencia entre o ser e o parecer. María Torres é a autora e directora da montaxe, que interpreta xunto a Gonçalo Guerreiro, Ángela Blanco, Fredi Muíño e Nuria Sotelo. Poderá verse a partir das 20.15 horas no Teatro Principal.

Talía Teatro pechará a carteleira de mañá coa representación, ás 23.15 horas no Salón Teatro, coa comedia Volpone, o clásico do dramaturgo británico Ben Jonson. Roberto Salgueiro dirixe un elenco de 9 actores -Artur Trillo, Toño Casais, Dani Trillo, Diego Rey, María Ordóñez, Marta Ríos, David Creus, Gustavo G. Dieste e Rubén Prieto- nesta versión do texto de 1606 cunha proposta escenográfica e de vestiario moi fiel á orixinal.

Intercambio con Portugal
Ademais dos programadores chegados estes días a Santiago dende diferentes puntos de Galicia e do resto de España, unha delegación de axentes culturais portugueses incorporouse a esta décimo oitava edición da Feira Galega das Artes Escénicas como unha das accións do proxecto europeo CREATIVA, que a Agadic desenvolve xunto coa Direccão Regional de Cultura do Norte, do Ministèrio de Cultura de Portugal, co obxectivo de favorecer a creación de sinerxías de traballo común as empresas dos distintos sectores culturais das dúas beiras do Miño.


Galego



AGADICConsellería de Cultura de Deporte