Actualidade




Actualidade

O ENCONTRO QUE ORGANIZA A AGADIC DESENVÓLVESE DO 18 AO 21 DE OUTUBRO EN SEIS ESPAZOS DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Feira das Artes Escénicas celebra a súa décimo oitava edición con máis de 150 profesionais acreditados

[14/10/2010] Máis de 150 programadores, distribuidores e produtores, entre outros axentes culturais, daranse cita a vindeira semana en Santiago de Compostela durante a celebración da XVIII Feira Galega das Artes Escénicas, que desenvolverá un intenso programa de actividades do 18 ao 21 de outubro en seis espazos da cidade. Chegados dende diferentes puntos de España e Portugal, os participantes terán a oportunidade de asistir a 21 espectáculos escénicos (18 deles galegos e tres andaluces), tres showcases de danza e ás actividades arredor da zona de mercado que, como en anos anteriores, quedará instalada no Auditorio de Galicia con 16 expositores de asociacións e empresas do sector.

Juan Carlos Fernández Fasero presentou o programa da XVIII Feira Galega das Artes Escénicas

A Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo encárgase da organización directa desta Feira 2010, cunha carteleira artística na que teñen cabida o teatro para público adulto e familiar, a danza e o novo circo, e na que a comedia -especialmente a de tinturas máis escuras- ocupa un lugar destacado canto aos xéneros dramáticos abordados.

Nova creación
Ademais, este ano a comisión de selección apostou especialmente por compañías que dirixen o seu traballo cara ás novas tendencias e por grupos de recente creación, como Ónfalo Teatro, Santiago Cortegoso, SÓLODOSneodans, Elefante Elegante, La Macana e as cinco formacións que participarán no espectáculo Circo á feira, racións de novo circo galego: Lusco e Fusco, Arrepentimentos de Padrón, Roces e Goces, Duelirium e Almacabra Teatro-Circo. As súas propostas conviven coas de outras compañías e profesionais de recoñecida traxectoria no ámbito escénico galego: Teatro do Morcego, Teatro de Ningures, Galitoon, Lagarta Lagarta, Sarabela Teatro, Ghazafelhos, Títeres Trompicallo, Abada Teatro-Carlos Blanco, Teatro do Atlántico, Talía Teatro, Caramuxo Teatro e Producións Teatrais Excéntricas.

Como comunidade autónoma convidada, Andalucía tamén contará con representación no programa de exhibición a través dos últimos espectáculos de tres destacadas compañías: a formación sevillana Teatro del Velador presentará en Santiago a súa primeira montaxe de danza, Hildegard, mentres que dende Granada chegarán La Rous con La casa del abuelo, premio ao mellor espectáculo na Feria Europea de Teatro para Niños y Niñas (Fetén) de Xixón, e Histrión Teatro coa obra Del maravilloso mundo de los animales: los corderos, escrita e dirixida polo recoñecido director arxentino Daniel Veronese.

Autoría galega
Entre as montaxes teatrais, a aposta pola autoría galega contemporánea chega da man de compañías como Abada Teatro-Carlos Blanco con Ordem e progresso, do propio Carlos Blanco; Elefante Elegante con In, de María Torres; Teatro do Atlántico con Memoria de Helena e María, de Roberto Salgueiro, ou Teatro de Ningures con Homes… mulleres: o paraíso terreal, de Paula Carballeira, María Armesto e Santiago Cortegoso, autor este último de A filla de Woody Allen, que leva a escena coa súa propia compañía. É, igualmente, o caso de todas as propostas galegas de teatro infantil: Caramuxo Teatro con Mensaxe sen botella, de Juan Rodríguez e Laura Sarasola; Galitoon con Botazz! O swing do jazz, de Luis Miguel Rodríguez e Santiago Alonso; Ghazafelhos con Frankenstein, de Pepablo Patinho, e Títeres Trompicallo con O día que chegou unha nube e choveu, de Marián González e Luis González.

Ademais, un dos nosos clásicos, Álvaro Cunqueiro, sube aos escenarios en O incerto señor don Hamlet de Sarabela Teatro, mentres que o resto das compañías incorpora ao repertorio en galego autores doutras dramaturxias contemporáneas -Lagarta Lagarta con Cásting (a comedia), do catalán Roger Justafré; Ónfalo Teatro con Na meta (sálvese quen poida), do austríaco Thomas Bernhard; Producións Teatrais Excéntricas con Un cranio furado, do británico de orixe irlandesa Martin McDonagh, e Teatro do Morcego con A Nona, do arxentino Roberto Cossa- e incluso clásicas como o caso de Talía Teatro con Volpone, do inglés Ben Jonson.

Por último, a creación coreográfica galega atopa o seu lugar tanto no programa oficial de exhibición, a través das compañías La Macana con Shure PG48 e SÓLODOSneodans con Sólodos, como na programación paralela de showcases de danza, que achegará aos programadores o traballo que están a desenvolver formacións e artistas emerxentes da escena coreográfica en Galicia: Tulipanes de DLoira, Sí quiero de Entremans e Cara pintada, el salto de la rana y otras pequeñas historias de Janet Novás.

Estreas recentes
Así pois, os profesionais asistentes á XVIII Feira Galega das Artes Escénicas entrarán en contacto directo cunha relevante mostra da máis recente produción teatral de Galicia, tendo en conta ademais que unha importante porcentaxe dos espectáculos seleccionados foron estreados en datas moi recentes e se atopan en pleno inicio do seu percorrido polos escenarios. De feito, a prioridade da organización é manter ou incluso incrementar a presenza das compañías galegas nas próximas temporadas escénicas dos teatros, auditorios, circuítos e festivais con representación neste encontro.

Con este obxectivo, volve entrar en vigor o programa de bonificacións á distribución exterior, do que poden beneficiarse todos os programadores de fóra de Galicia acreditados, que chegarán a Santiago dende Andalucía, Asturias, Canarias, Castela-A Mancha, Castela e León, Madrid, País Vasco e Portugal. No caso de que contraten producións galegas durante a celebración da Feira, aplicaráselles un desconto do 40% sobre o caché do espectáculo.

Acceso gratuíto para o público xeral
Todos os profesionais acreditados terán reservadas as súas localidades para os espectáculos que soliciten, en tanto que o público xeral poderá acceder de xeito gratuíto ás montaxes, sempre en función do aforo finalmente dispoñible. Os despachos de billetes abriranse unha hora antes do comezo do espectáculo correspondente.

Canto aos espazos de exhibición, a Sala Capitol estréase este ano como escaparate das propostas artísticas da Feira, que se estende a outros cinco escenarios da cidade: ARTeria Noroeste-SGAE, Aula de Cultura de Caixa Galicia, Sala Mozart do Auditorio de Galicia, Salón Teatro e Teatro Principal. O Auditorio repite como sede principal, onde se localiza a oficina de coordinación, un dos escenarios, o restaurante e mais o espazo de mercado cos stands das seguintes asociacións, institucións e empresas: Altega Educación e Lecer, Área de Cultura da Deputación de Lugo, Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e Asociación Profesional Danza Escénica Galega (Danesga), Asociación Galega de Empresas de Servizos para Eventos (Agase), Asociación Galega de Novo Circo Pistacinco, Elefante Elegante, Escena Galega, Kachet, Kukas Producións Artísticas, Magos Profesionais de Galicia (MPG), Mago Teto, Palimoco Teatro, Talía Teatro, Teatro de Nigures, Teatro do Morcego-Compañía Residente de Narón e Teatro Galileo. O público xeral terá acceso libre a este espazo, que permanecerá aberto todos os días de feira en horario de 10.00 a 13.30 e de 15.30 a 18.00 horas.

O Auditorio de Galicia tamén acollerá o acto inaugural que, presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, comezará coa execución da peza breve Sonata para dous a cargo do Centro Coreográfico Galego. Na mesma sesión, darase a coñecer o ditame e se fará entrega dos tres premios de literatura dramática que convoca a Agadic: o Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o Manuel María de literatura dramática infantil e o Barriga Verde de textos para teatro de monicreques.

Documentación

Español



AGADICXunta de Galicia. Consellería de Cultura e Turismo