Actualidade




Actualidade

SEIS ESCENARIOS DE SANTIAGO ACOLLERÁN DO 18 AO 21 DE OUTUBRO A EXHIBICIÓN ANTE PÚBLICO ESPECIALIZADO DE 18 ESPECTÁCULOS GALEGOS E 3 DE FÓRA

Teatro, danza e novo circo conforman a carteleira galega da Feira das Artes Escénicas 2010

[08/07/2010] Un total de 18 propostas galegas de teatro, danza e novo circo foron seleccionadas para integrar a carteleira artística da XVIII Feira Galega das Artes Escénicas que, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), terá lugar do 18 ao 21 de outubro en Santiago de Compostela. Esta selección realizouse atendendo tanto aos niveis de distribución das compañías na Rede Galega de Teatros e Auditorios como aos criterios artísticos valorados por unha comisión, que se encargará así mesmo de decidir que tres espectáculos de fóra de Galicia completarán o programa desta nova edición do evento.

Feira Galega das Artes Escénicas

As compañías e montaxes de teatro galego seleccionadas son Abada Teatro con Ordem e progresso, Caramuxo Teatro con Mensaxe sen botella, Elefante Elegante Teatro con In, Galitoon Productions con Botazz!, Ghazafelhos con Frankenstein, Lagarta Lagarta con Casting (a comedia), Ónfalo Teatro con Na meta (sálvese quen poida), P.T. Excéntricas con Un cranio furado, Santiago Cortegoso con A filla de Woody Allen, Sarabela Teatro con O incerto señor don Hamlet, Talía Teatro con Volpone, Teatro de Ningures con Homes... mulleres, Teatro do Atlántico con Memoria de Helena e María, Teatro do Morcego con A nona e Títeres Trompicallo con O día que chegou unha nube e choveu.

Esta carteleira galega completarase cos espectáculos de danza Shure PG48 da compañía La Macana e Sólodos de SOLODÓSneodans, ademais de incluír unha montaxe de novo circo resultante da ensamblaxe de diferentes números a cargo de varias formacións.

Programa paralelo

Como en anteriores edicións, a Feira Galega das Artes Escénicas desenvolverá así mesmo un programa paralelo que incluirá showcases de danza -pezas cortas a cargo de formacións e artistas emerxentes no panorama coreográfico galego- e diferentes actividades arredor da zona de mercado situada no Auditorio de Galicia, onde se instalarán un total de 16 stands de asociación e empresas so sector.

A organización da Feira mantén aberto ata o vindeiro día 20 de xullo o prazo de inscrición de profesionais dirixido prioritariamente a programadores, produtores, distribuidores e prensa especializada en artes escénicas de toda a Península. Este é o público preferente desta carteleira que, porén, tamén abrirá as súas portas ao resto de espectadores, en función das localidades dispoñibles para cada unha das representacións que se desenvolverán en seis espazos composteláns: Auditorio de Galicia, Aula de Cultura de Caixa Galicia, Sala Capitol, Salón Teatro, Teatro ARTeria Noroeste e Teatro Principal.

Ligazóns

Español



AGADICXunta de Galicia. Consellería de Cultura e Turismo