Edicións anteriores




Edicións anteriores

O ano 1997 supuxo a recuperación para o mundo escénico galego da Feira do Teatro de Galicia, catro anos despois de que a cidade de Ourense acollese a súa última edición. Ese ano, o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (agora Axencia Galega das Industrias Culturais) fíxose cargo por vez primeira da súa organización coa intención de dotar este evento de continuidade e estabilidade, e estabeleceu a súa sede en Santiago. A partir de 2006 denomínase Feira Galega das Artes Escénicas.

Nas convocatorias celebradas dende a súa recuperación a mostra acolleu a representación de máis de 295 espectáculos, cunha media anual de 23 montaxes, exhibidos nos diferentes espazos escénicos de Compostela. Estes son os datos esenciais das edicións anteriores da Feira:

2009, do 19 ao 23 de outubro. A organización da Feira quixo incidir na súa condición de espazo de mercado, dende o que se mostrou unha parte importante da produción escénica galega e se deu servizo aos máis de 130 axentes culturais acreditados. Un total de 20 compañías galegas de teatro e danza configuraron o cartel artístico que se desenvolveu en cinco escenarios da cidade. O centro neurálxico da actividade feiral volveu situarse no Auditorio de Galicia, onde se ubicaron así mesmo a oficina de coordinación, a zona de mercado, as mesas de debate e o restaurante. Podes consultar as fichas dos espectáculos, así como os contidos do programa paralelo, no catálogo da Feira Galega das Artes Escénicas 2009.

2008, do 13 ao 17 de outubro. A Feira Galega das Artes Escénicas deu un paso adiante na configuración dun espazo dinámico e efectivo para o encontro entre os creadores e os xestores culturais co traslado da súa sede ao Auditorio de Galicia, onde se concentrou gran parte da actividade feiral. Esta nova localización produciuse sen perder de vista a natureza da Feira como escaparate da nova produción escénica galega ante os programadores, distribuidores e demais axentes culturais que asistiron aos espectáculos presentados por 20 compañías galegas, 3 de fala portuguesa e 2 de Euscadi nos seis espazos de exhibición do encontro. Podes descargar, se o desexas, o catálogo da Feira Galega das Artes Escénicas de 2008.

2007, do 23 ao 27 de outubro. Compostela acolle un ano máis a Feira Galega de Artes Escénicas coa participación de 21 compañías galegas e 4 de fala portuguesa que amosaron as súas propostas teatrais e coreográficas nos cinco escenarios previstos (Sala Nasa, Salón Teatro, Teatro Galán, Teatro Principal e IES Xelmírez). Na sede instalada na Fundación Torrente Ballester habilitouse un espazo de mercado cunha quincena de stands de empresas escénicas, unha área de traballo para os profesionais, unha mesa de contratación e outras actividades destinadas a favorecer a compravenda de espectáculos. Ademais celebrouse un encontro internacional de críticos teatrais e a exposición Un país dende as táboas. 125 anos de teatro galego. Podes descargar, se o desexas, o dossier da Feira Galega das Artes Escénicas de 2007.

2006, do 13 ao 17 de xuño. Compostela acolleu unha nova edición do evento, a XIV, que en 2006 mudou o seu nome polo de Feira das Artes Escénicas de Galicia. Un total de 27 compañías (21 delas galegas) representaron outros tantos espectáculos de teatro e danza. As presentacións e conferencias da Feira, destinadas principalmente aos programadores, e a mostra O escenario da ilusión, que propoñía unha viaxe no tempo cara ao teatro barroco, completaron o programa de actividades.

2005, do 12 ao 16 de abril. Un ano máis, os principais escenarios de Santiago (Salón Teatro, Teatro Principal, Teatro Galán, Sala Yago e Sala Nasa) acollen 27 espectáculos teatrais. Ademais, en 2005 puxéronse a disposición dos asistentes o Mercado de Artes Escénicas, onde as compañías, distribuidores e programadores dispoñían dun espazo específico para falar de traballo e negocios, así como as xornadas de debate de actualidade, celebradas na Fundación Gonzalo Torrente Ballester.

2004, do 20 ao 24 de abril. Contou coa presenza, no apartado de exhibición, de 25 espectáculos teatrais e dous de danza. A Feira propiciou tamén un espazo para o debate coa creación dos Diálogos-Miradas durante os días 22, 23 e 24 na sede da Fundación Caixa Galicia.

2003, do 8 ao 12 de abril. Participan 29 compañías das que 24 son galegas, unha de Euscadi, unha de Andalucía, dúas de Madrid e unha arxentina. Os espazos escénicos onde se desenvolve a Feira son seis: Salón Teatro, Auditorio Caixa Galicia, Teatro Galán, Teatro Principal, Sala Sant-Yago e Sala Nasa.

2002, do 9 ao 13 de abril. Participan 23 compañías das que 19 son galegas, unha de Asturias, dúas de Madrid e unha de Castela-A Mancha. Os espazos escénicos onde se desenvolve a Feira son seis: Salón Teatro, Auditorio Caixa Galicia, Teatro Galán, Teatro Principal, Sala Sant-Yago e Sala Nasa.

2001, do 6 ao 10 de marzo. Participan 25 compañías das que 21 son galegas, unha estremeña, unha portuguesa, unha de Castela e León e outra asturiana. Os espazos escénicos onde se desenvolve a Feira son seis: Salón Teatro, Auditorio Caixa Galicia, Teatro Galán, Teatro Principal, Sala Sant-Yago e Sala Nasa.

2000, do 17 ao 21 de marzo. Participan 22 compañías das que 18 son galegas, unha catalá, dúas de Estremadura e unha manchega. Os espazos escénicos onde se desenvolve a Feira son seis: Salón Teatro, Auditorio Caixa Galicia, Salá Galán, Teatro Principal, Sala Sant-Yago e Sala Nasa.

1999, do 23 ao 27 de marzo. Participan 22 compañías das que 19 son galegas, unha de Castela e León, unha de Castela-A Mancha e outra de Estremadura. Os espazos escénicos onde se desenvolve a Feira son os mesmos cinco do ano anterior: Auditorio Caixa Galicia, Sala Galán, Teatro Principal, Sala Sant-Yago e Sala Nasa.

1998, do 27 ao 31 de maio. Participan 25 compañías das que 23 son galegas, unha de Madrid e outra de Estremadura. Os espazos escénicos onde se desenvolve a Feira son cinco: Sala Sant-Yago, Sala Galán, Sala Nasa, Teatro Principal e o Auditorio Caixa Galicia.

1997, do 31 de maio ao 4 de xuño. Participan 26 compañías das que 24 son galegas, unha de Castela e León e outra de Castela-A Mancha. Os espazos escénicos onde se desenvolve a Feira son catro: Sala Nasa, Sala Galán, Teatro Principal e Auditorio Caixa Galicia, pero tamén se representan espectáculos de rúa.

Español



AGADICXunta de Galicia. Consellería de Cultura e Turismo