Carteleira




Na meta (sálvese quen poida)

Ónfalo Teatro

Autoría: Thomas Bernhard
Dirección e dramaturxia: Ana Contreras, Afonso Becerra de Becerreá

Escenografía: Diego Costa
Iluminación: Ana Contreras
Son: Ana Contreras
Vestiario: Diego Costa
Elenco: Luísa Merelas, Rut Balbís, Toni Salgado

Na meta (sálvese quen poida) é unha comedia negra sobre o éxito e o fracaso. Unha revisión humorística sobre o camiño cara á meta de cadaquén e o que nel se perde e se gaña. Unha nai de armas tomar saca a súa metralladora verbal e fai saltar polos aires algúns dos piares da sociedade. A nai viúva e a filla solteira reproducen dinámicas de dependencia, tiranía e submisión. Un escritor dramático xove, que acaba de triunfar no teatro coa súa obra Sálvese quen poida, diríxese cara á meta das dúas espectadoras que orquestran esta comedia cáustica. Unha primeira parte na que se fan as maletas e unha segunda na que se desfán. Uns personaxes que deixan saír os monstros que a meirande parte das persoas agochamos. O riso terrible do coñecemento.
Un espectáculo no que o discurso de Bernhard e a acción escénica se potencian coas linguaxes da danza, a instalación, a performance, o clown, a acrobacia e outros recursos que enriquecen a plasticidade e afían o significado da obra.
Xénero: Teatro de actor
Duración do espectáculo: 90'
Público preferente: Adulto

ÓNFALO TEATRO


Ónfalo Teatro, S.L. (Lugo, 2009) inaugurou a súa traxectoria con Neuras, de M. X. Queizán, espectáculo que, despois da súa estrea (Cangas, 18 de novembro de 2009), acadou un grande éxito nos teatros polos que pasou. Comedia para escachar de risa, sobre as "neuras" da sociedade contemporánea e urbana. Un espectáculo que xoga a darlles a volta aos estereotipos e ás novas formas de identidade que xorden coas modas, cunha linguaxe visual atrevida, con números musicais, de maxia e de cabaré.
O segundo espectáculo, Na meta (sálvese quen poida), é unha comedia de humor negro sobre o éxito e o fracaso. É a estrea en Galicia de Thomas Bernhard, en coprodución coa MIT Ribadavia (17/07/10). Mestura danza contemporánea, teatro de texto, clown, performance e números de maxia, nun contexto escenográfico que apunta cara á instalación e as artes plásticas.
Actualmente Ónfalo Teatro ofrece dous espectáculos, sorprendentes tanto na súa posta en escena como nos seus contidos: unha comedia rosa e delirante, Neuras, e unha comedia negra e corrosiva, Na meta (sálvese quen poida).

Ónfalo Teatro
Tel.: 986 116 940 / 654 782 286
onfalosla r r o b agmail.com
www.onfaloteatro.blogspot.com



Español



AGADICXunta de Galicia. Consellería de Cultura e Turismo